- O 12,2% dos materiais utilizados o pasado ano procedían de materiais reciclados
- Aínda que, respecto a 2023, esta taxa aumentou en tan só 0,1 puntos porcentuais, o certo é que se trata da proporción máis alta ata a data
Cerceda, 24 de novembro de 2025.-Segundo datos de Eurostat, o 12,2 % dos materiais utilizados o pasado ano na Unión Europea procedían de materiais reciclados, un indicador que se coñece como «taxa de uso circular de materiais» ou «taxa de circularidade». Aínda que, respecto a 2023, esta taxa aumentou en tan só 0,1 puntos porcentuais (pp), o certo é que se trata da proporción máis alta ata a data. En comparación con 2015, a taxa é 1,0 pp maior.
En 2024, a taxa de circularidade máis elevada rexistrouse nos Países Baixos (32,7%), seguidos de Bélxica (22,7%) e Italia (21,6%), e, a máis baixa, en Romanía (1,3%), Finlandia e Irlanda (2,0%) cada unha, e Portugal (3,0%).
As diferenzas na taxa de circularidade entre os países da UE dependen do equilibrio entre os novos recursos extraídos do medio ambiente e os que se reincorporan á economía a través da reciclaxe e a valorización de residuos. Isto é o que explica a distancia entre os Estados con modelos máis avanzados e aqueles aínda moi dependentes de materias primas virxes.
Entre 2015 e 2024, a taxa de circularidade aumentou en 21 países da UE, con Malta (+14,0 pp), Estonia (+9,1 pp), Chequia (+7,9 pp), Eslovaquia (+7,2 pp) e os Países Baixos (+5,3 pp) á cabeza, e diminuíu en 6 países, especialmente en Polonia (-4,2 pp) e Finlandia (-3,2 pp).
Se se atende aos tipos de materiais, en 2024 foi máis alta para os minerais metálicos, cun 23,4 % (-1,2 pp en comparación con 2023), seguidos dos minerais non metálicos, cun 14,3 % (-0,1 pp), a biomasa, cun 9,9 % (+0,2 pp), e os materiais/portadores de enerxía fósil, cun 3,8 % (+0,4 pp).
Estas cifras reflicten que a integración de materiais reciclados é máis intensa en determinados fluxos —especialmente os metálicos e non metálicos— que noutros onde a circularidade avanza a un ritmo máis lento.
Duplicar a taxa para 2030
O plan de acción de economía circular de 2020 ten como obxectivo duplicar a taxa de uso de materiais circulares da UE para 2030 ata alcanzar o 23,2%. Este obxectivo sitúa os datos de 2024 como un punto intermedio crítico, que esixe acelerar a adopción de políticas, tecnoloxías e modelos de negocio circulares para reducir a extracción de recursos e aumentar a reutilización e a reciclaxe en todos os sectores.
Neste contexto, a evolución da taxa de circularidade consolídase como un indicador clave de desempeño para valorar o grao real de avance da economía circular na UE, así como para orientar decisións políticas e de investimento nos próximos anos.
Fonte: Eurostat
Imaxe: Freepik