
- A xestión sostible dos residuos terá este curso académico unha maior presenza no centro, polo que esta empresa pública proporcionaralle distintos medios materiais e impartirá charlas a cargo de técnicos especializados
Cerceda, 30 de setembro de 2025.- Durante este curso académico 2025-2026, a xestión sostible dos residuos cobra especial protagonismo na Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña, emprazada na ría de Ferrol. Sogama, a solicitude do centro, colaborará na formación ambiental do seu alumnado, e farao a través da dotación de medios materiais e a impartición de charlas e cursos transversais ás distintas áreas de estudo.
Técnicos especializados serán os encargados de explicar os pormenores da correcta xestión dos refugallos desde distintas perspectivas, facendo especial fincapé no principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que esta empresa pública complementa a través da recuperación enerxética da parte non reciclable, minorando desta forma o uso do vertedoiro, a opción máis contaminante.
Incidirase tamén nas fraccións de residuos que actualmente se atopan baixo a competencia de Sogama (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo; materia orgánica recollida a través do marrón; e resto, a través do contedor xenérico), así coma no tratamento dispensado a cada unha. Mentres que os envases da bolsa amarela son clasificados por tipoloxías para a súa remisión aos centros recicladores, a materia orgánica é compostada nalgunha das catro plantas de biorresiduos que a compañía ten en Galicia. No caso da bolsa negra, e dado que aínda chegan na mesma, de forma errónea, residuos que non foron seleccionados en orixe pola cidadanía e que deberían ter sido depositados noutros contedores de recollida selectiva, Sogama, con tecnoloxía 4.0, consegue clasificar a parte recuperable, que remite aos recicladores, procedendo á valorización enerxética do resto. De feito, a partir desta fracción xera a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Con todo, as charlas tamén abarcarán outros ámbitos tales como a compostaxe da materia orgánica, tanto a nivel doméstico como industrial. Con tal fin, a compañía forneceu á escola 3 compostadores, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como 6 cubos para o traslado dos restos orgánicos (desde a cociña ou comedor) ata os recipientes.
Cómpre recordar que esta escola imparte cursos de formación e perfeccionamento nas especialidades de Aloxamento e Restauración, Manobra e Navegación e Administración, correspondentes ás escalas de Mariñeiría e Suboficiais. Cada período académico pasan polas súas instalacións unha media de 600 alumnos.
Saúdos, Departamento de Comunicación