
- Disto deixou constancia o seu presidente executivo, Javier Domínguez, con motivo da súa participación no Congreso Energy Days 2025, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago
- Tal e como indicou, esta tecnoloxía require dun pretratamento previo dos residuos non reciclables e o seu acondicionamento en forma de CDR, o que propicia unha combustión máis rápida, homoxénea, eficiente, completa e estable fronte ao sistema de grellas
- Dúas liñas de depuración de gases, nas que se utiliza cal apagado e carbón activo, complementa o proceso mediante a eliminación de compostos acedos e a retención de dioxinas e furanos nuns filtros de mangas
Santiago, 9 de outubro de 2025.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou esta mañá, en calidade de relator, no congreso Energy Days 2025, promovido por Cluergal (Clúster das Enerxías Renovables de Galicia) e celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Fíxoo na sesión dedicada ás Smart Cities e á Sostibilidade para falar do potencial da valorización enerxética dos residuos non reciclables como enerxía limpa. Referiuse á mesma coma o cuarto erre, logo da redución, a reutilización e a reciclaxe, e que, ademais, evita ou minimiza o uso do vertedoiro, última opción na xestión xerarquizada de residuos promulgada pola Unión Europea debido á súa alta carga contaminante.
Domínguez Lino detallou a operativa que leva a cabo Sogama cos residuos depositados no contedor xenérico, dos que separa, a través de tecnoloxías de última xeración, a parte reciclable para enviar á industria transformadora, convertendo a non reciclable nun combustible derivado de residuos (CDR) que se valoriza nunha planta termoeléctrica, cunha potencia instalada de 50 MWh, para producir electricidade suficiente (50% renovable) coa que dar cobertura ás necesidades de aproximadamente o 12% dos fogares galegos.
Durante a súa intervención, destacou que a de Sogama é a única planta das súas características en España (12 en total) que utiliza tecnoloxía de leito fluído circulante, dando como resultado unha combustión máis rápida, homoxénea, eficiente, completa e estable fronte ao sistema de grellas, así como un maior control do proceso (temperatura e osíxeno) e uns valores de emisións situados moi por baixo dos límites legais. De feito, tal e como precisou, os niveis de NOx son tan baixos, que Sogama non precisa dun sistema específico para a súa redución.
Os gases pasan por dúas liñas de depuración antes da súa saída ao exterior nas que se engade cal apagado para a eliminación de compostos acedos (Cl, Fluor, Xofre, etc) e carbón activo, que retén as dioxinas e furanos nos filtros de mangas.
Calor e electricidade en Europa a partir dos residuos
O máximo responsable de Sogama explicou a situación da valorización enerxética en Europa, subliñando que os países que máis valorizan energéticamente son tamén os que máis reciclan e os que menos verten, con taxas de vertedura inferiores ao 3 e 4%. É o caso de Dinamarca, Finlandia, Suecia, Noruega, Bélxica etc.
As instalacións de todo o continente, que achegan calor a 22 millóns de persoas e electricidade a 28 millóns, son as máis vixiadas desde o punto de vista ambiental, recaendo sobre as mesmas o rigoroso cumprimento dunha lexislación aínda máis estrita que a que rexe para outras infraestruturas industriais.
Javier Domínguez concluíu a súa alocución cunha referencia ao Plan Estratéxico de Sogama para o período 2025-2030, do que destacou a firme aposta da compañía pola transformación dixital, a recuperación de novas fraccións de residuos coma o téxtil e a descarbonización dos procesos.
Saúdos, Departamento de Comunicación