
- Educadores de Sogama desprazáronse a este centro vigués a mediados da pasada semana, onde impartiron tres sesións ao alumnado de Química Industrial, Química Ambiental e Téxtil.
- Destacaron o elevado interese da comunidade educativa na protección ambiental e o desenvolvemento sostible, así como a activa participación de estudantes e docentes.
Cerceda, a 19 de abril de 2021.- Preto de 300 alumnos/as dos ciclos formativos de Química Industrial, Química Ambiental e Téxtil, formáronse a pasada semana, coa axuda de Sogama, na xestión sostible dos residuos urbanos e a economía circular.
Educadores da empresa pública desprazáronse o pasado 14 de abril a este centro vigués, onde impartiron tres sesións nas que desgranaron os pormenores do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Neste marco, clarificaron os materiais que deben e non deben ser depositados en cada contedor, deténdose en maior medida no amarelo por ser o que xera máis dúbidas. Explicaron tamén a operativa a seguir na compostaxe doméstica, de gran axuda nas vivendas unifamiliares con terreo para valorizar a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade que actúa como fertilizante natural, achegando nutrientes ao solo e protexéndoo incluso fronte a pragas e enfermidades.
Igualmente, tiveron a oportunidade de coñecer a actividade industrial de Sogama e o percorrido que seguen os residuos xerados en Vigo, desde que se depositan de forma diferenciada nos contedores amarelo (envases de plástico, latas e brikss) e verde xenérico (fracción resto), ata que se transvasan na planta de transferencia de Guixar e se transportan por ferrocarril ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda. Alí, os materiais da bolsa amarela sepáranse por tipoloxías para o seu posterior envío aos centros recicladores, onde son convertidos en novos produtos. Pola súa banda, da bolsa negra rescátase, a través de tecnoloxías de última xeración, os residuos susceptibles de ser reciclados, sometendo o resto a valorización enerxética para a súa transformación en electricidade. De feito, coa enerxía producida en Sogama poderíase abastecer unha cidade como Vigo.
Así mesmo, prestouse atención á necesidade de abandonar o caduco sistema de consumo lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar, e avanzar cara a un circular no que os produtos se manteñan na economía o maior tempo posible, reducindo a xeración de refugallos e, unha vez producidos, propiciando a súa conversión en recursos.
Os monitores destacaron o gran interese mostrado pola comunidade educativa deste centro na protección ambiental e o desenvolvemento sostible, así como a activa participación do alumnado e profesorado nas distintas sesións impartidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación