
- Atendida por educadores especializados, na mesma móstrase, dunha forma visual e lúdica, os residuos a depositar en cada contedor de recollida selectiva, así coma os beneficios que este xesto ten para o medio ambiente, a saúde e a calidade de vida
- A campaña pon o foco nos denominados “impropios”, é dicir, naqueles refugallos que se introducen no contedor equivocado, e que entorpecen e limitan a recuperación dos materiais correctos
- Para isto utilízase o concepto de manchas, evidenciando que separar residuos en tan sinxelo como non mesturar cores
Cerceda, a 19 de xuño de 2025.- Sogama instrúe na reciclaxe á veciñanza de Viveiro (Lugo) e faino a través dunha aula itinerante, situada hoxe na Praza Maior, e enmarcada na campaña formativa e de concienciación “Separa. Depende de ti”, cuxo obxectivo é mostrar, dunha forma visual e lúdica, os residuos a depositar en cada contedor de recollida selectiva, e explicar os beneficios que este xesto ten para o medio ambiente, a saúde e a calidade de vida.
O foco de atención ponse especialmente nos denominados “impropios”, é dicir, naqueles refugallos que se depositan no contedor equivocado e que entorpecen e limitan a recuperación dos materiais correctamente introducidos no mesmo. A través do concepto das manchas, preténdese evidenciar que separar residuos é tan simple e sinxelo como non mesturar cores.
Este labor pedagóxico está organizado e dirixido por educadores especializados, valéndose para isto dunha serie de paneis informativos e cinco urnas representativas de cada contedor, dotadas con bólas da mesma cor do recipiente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e gris, para a fracción resto.
Dinámica
Logo de recibir as explicacións iniciais por parte dos monitores, os visitantes da carpa percorren as distintas urnas, debendo identificar as bólas de distinta cor (residuo impropio) ao do contedor de referencia. Deste xeito, transmíteselles que, cando clasificamos previamente os residuos, propiciamos que estes se convertan en recursos cos que fabricar novos produtos, reducindo a necesidade de extraer materias primas virxes da natureza e contribuíndo á redución da contaminación e á creación de postos de traballo estables. Pola contra, cando non se separan en orixe, contamínanse os refugallos correctos e, polo tanto, complícase e ralentízase o proceso de recuperación, xa que segregar residuos en planta industrial require tempo e diñeiro extra, ademais dunha perda significativa de materiais que poderían converterse en recursos.
Ao final do traxecto, os participantes sométense a probas de coñecemento coas que teñen a oportunidade de facerse condistintos premios.
Reciclar permite aforrar
Co obxectivo de transmitir os beneficios da reciclaxe, recórrense a exemplos facilmente comprensibles: que por cada tonelada de cartón reciclado, afórrase o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante 6 meses; que reciclar 3 botellas de vidro aforra a enerxía que se necesita para cargar un teléfono móbil durante todo un ano; que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico degrádese na natureza; ou que por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.
Toda a información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación