
- Sinala que unicamente o 31,2% da composición actual da bolsa negra corresponde á fracción non reciclable, estando conformada a parte restante por distintos materiais reciclables
- Subliña que o canon da bolsa marrón (materia orgánica) para 2025 é de 51,40 €/Tn fronte aos 83 €/Tn da bolsa negra (se os entes locais cumpren requisitos), o que se traduce en 31,6 euros menos
- Así mesmo, precisa que a xestión da bolsa amarela, papel/cartón e vidro é gratuíta para os entes locais e que estes reciben ingresos por parte das entidades responsables da reciclaxe
Cerceda, 16 de outubro de 2025.- A través dun vídeo-recordatorio divulgativo, Sogama explica con detalle, e achegando datos, como os concellos poden ver reducido nun 48% o importe da factura final que abonan a esta Sociedade polo tratamento da bolsa negra.
As claves residen en reducir ao máximo a produción de residuos en orixe e separar correctamente as distintas fraccións que conforman unha bolsa de lixo tipo a fin de que o desembolso económico final para as arcas locais sexa o menor posible.
Mentres que a recollida e xestión da bolsa amarela (envases lixeiros depositados no contedor amarelo), do papel e cartón (contedor azul) e dos envases de vidro (iglú verde), é gratuíta para os concellos, estes deben asumir o custo da marrón (materia orgánica depositada no contedor marrón), a un prezo de 51,40 €/Tn, e o da negra (parte non reciclable destinada ao contedor xenérico), a 83 €/Tn se cumpren requisitos.
A bolsa marrón resulta, por tanto, 31,6 euros máis barata que a negra, debido fundamentalmente ao interese do goberno galego en incentivar aos municipios para que contribúan en maior medida á compostaxe dos restos orgánicos.
Coa pretensión de axudarlles nesta tarefa, e malia que a xestión de residuos é unha competencia municipal, Sogama, por encargo da Xunta de Galicia, puxo en marcha unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións (4 plantas de compostaxe -Cervo, en Lugo; Cerceda, na Coruña; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense- e 13 de transferencia de apoio), á que destinou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos REACT-UE. O fin último é que a práctica totalidade dos Concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Más dun 68% dos residuos da bolsa negra son reciclables
Cómpre lembrar que o canon xenérico de Sogama para a bolsa negra foi establecido en 108 €/Tn para este ano 2025, con posibilidade de minorarse ata os 95 €/Tn no caso dos Concellos que tiveran solicitado en prazo o canon reducido e cumpran un dos dous seguintes requisitos: diminuír a produción de residuos nun 1% respecto do ano inmediatamente anterior, ou incrementar a reciclaxe da bolsa amarela ou marrón nun mínimo do 3%. Adicionalmente, e tendo en conta o ingreso que a Xunta realizou aos Concellos a través do Fondo Ambiental (12 €/Tn), o canon da bolsa negra poderá verse minorado ata os 83 €/Tn.
Con todo, e máis aló do importe reducido, aínda hai marxe de manobra para que os entes locais poidan diminuír este desembolso. Se se atende á composición tipo da bolsa negra que chega a Sogama, un 33,60% da mesma está conformada por biorresiduos, é dicir, materia orgánica que debería terse depositado no contedor marrón. Pola súa banda, os envases lixeiros, o papel e cartón e o vidro, que deberían introducirse no contedor amarelo, azul e iglú verde respectivamente, representan o 18%, mentres que o téxtil, a madeira e os escombres supoñen un 17%, cando deberían canalizarse a través dos contedores específicos ou os puntos limpos.
É dicir, máis dun 68% dos residuos que chegan a Sogama na bolsa negra deberían ser introducidos en orixe noutros contedores de recollida selectiva.
Unicamente o 31,20% correspondería a materiais non reciclables cuxo destino debería ser a fracción resto, o que posibilitaría que os concellos puidesen reducir o importe da factura que pagan pola xestión da bolsa negra nun 48%.
Vídeo claves para que os concellos reduzan o importe da factura de Sogama:
https://www.youtube.com/watch?v=H_4OpDa-ACQ