- Esta empresa pública quere aproveitar esta iniciativa, que terá lugar do 22 ao 30 de novembro, para reforzar a súa contribución á formación e concienciación cidadá ao redor da práctica das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe)
- Nesta ocasión, a Semana Europea poñerá o foco nos RAEE, que crecen de forma exponencial, a un ritmo anual do 2%, e que se converteron nun obstáculo para os esforzos que veñen realizando co obxectivo de minimizar a pegada ecolóxica
Cerceda, 27 de outubro de 2025.- Do mesmo xeito que en edicións anteriores, Sogama participará na Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, que terá lugar entre os días 22 e 30 do próximo mes de novembro, e farao cunha nova campaña, que dará a coñecer no seu momento, e coa que pretende seguir contribuíndo á formación e concienciación cidadá en torno aos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), ferramentas coas que conta toda a poboación para propiciar que a actual xestión dos residuos municipais sexa máis sostible.
Nesta ocasión, a Semana Europea porá o foco nos RAEE, Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos, que crecen de forma exponencial, a un ritmo anual do 2%, e aos que é necesario fai fronte alongando a súa vida útil e apostando pola súa reutilización e reparación. Dentro desta categoría inclúense os equipos de intercambio de temperatura, pantallas e monitores, lámpadas, equipos grandes (de máis de 50 cm) e pequenos (menores de 50 cm), así como pequenos equipos informáticos e de telecomunicacións.
A Unión Europea recoñece que os RAEE convertéronse nun obstáculo para os esforzos que se veñen realizando co obxectivo de minimizar a pegada ecolóxica do continente. En 2022, comercializáronse 14,4 millóns de toneladas de equipos eléctricos e electrónicos e recolléronse 5 millóns de toneladas (11,2 kg por persoa). Case a metade dos RAEE xerados aínda non se recollen, e a maioría dos Estados membros non alcanzan o obxectivo establecido na Directiva RAEE da UE, que, por outra banda, tivo un impacto limitado na mellora da reciclaxe e a recuperación de materiais. Actualmente, só se recicla ao redor do 40 % dos RAEE.
Mellorar a recollida, o tratamento e a reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos ao final da súa vida útil pode aumentar a eficiencia dos recursos e recuperar unha cantidade significativa dos materiais que conteñen.
Sobre a EWWR
A Semana Europea da Redución de Residuos (EWWR) é a maior campaña de concienciación sobre a prevención de refugallos en Europa. Impulsada polas autoridades públicas locais e rexionais, anima a todos os europeos a levar a cabo acciones de concienciación sobre a xestión sostible dos recursos e os residuos durante unha única semana de novembro. O que a fai especial é o esforzo e a paixón dos milleiros de voluntarios que difunden a mensaxe do consumo sostible e a economía circular nas súas comunidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación