
- ADIF non permite o seu uso, a través da cal Sogama transporta residuos desde Vigo, Ourense e Lugo
- Con tal motivo, e dado que hai contedores retidos en vías e terminais, algunhas plantas de transferencia poden sufrir desabastecemento, ralentizando a súa operativa
- A empresa pública xa informou deste extremo aos 295 concellos adscritos ao seu sistema
Cerceda, a 29 de abril de 2025.- Logo do apagón de onte na península, Sogama traballa intensamente desde a pasada noite para restablecer de forma progresiva a operativa de todas as súas instalacións.
A meirande parte das plantas de transferencia están en funcionamento, aínda que, en algunhas, o servizo pode sufrir algún atraso por falta de contedores. O motivo reside en que ADIF, debido a problemas persistentes nas comunicacións, non permite o uso da vía férrea, que Sogama utiliza para o transporte de residuos desde Vigo, Ourense e Lugo. É por isto que un considerable número de contedores atópanse retidos e inmobilizados en vías e terminais.
Así as cousas, esta empresa pública decidiu reforzar ao máximo o transporte por estrada a fin de minimizar as consecuencias desta situación sobre os concellos, aos que agradece a súa colaboración. De feito, remitiu unha comunicación aos 295 entes locais adscritos ao seu sistema de xestión para explicarlles o escenario a día de hoxe.
Malia as incomodidades e incidencias derivadas dunha emerxencia de carácter nacional, afortunadamente, os protocolos de prevención e seguridade de Sogama funcionaron correctamente, o que permitiu á compañía controlar a situación sen detectar problemas graves. De feito, as plantas que conforman o Complexo Mediombiental de Cerceda (A Coruña), onde se recepcionan os residuos municipales de case toda Galicia para recibir tratamento, están a operar con normalidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación