- Unha aula itinerante atendida por técnicos especializados asesorará aos estudantes na xestión sostible dos residuos urbanos a través da práctica diaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe)
- O vindeiro luns, 24 de novembro, instalarase no Campus Sur de Santiago (exteriores da Biblioteca Concepción Arenal), de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30, e, o martes 25, chegará ao Campus de Pontevedra (diante da Escola de Forestais), de 11:00 a 18:00 h. O mércores 26 estará no Campus de Lugo (exterior de Intercentros), de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30
- Todos os que se acheguen ao punto informativo e participen nas súas actividades, serán obsequiados con distinto merchandising
Cerceda, 22 de novembro de 2025.-A correcta xestión dos residuos converteuse hoxe nun dos principais retos ambientais a nivel global. O constante aumento do consumo de bens e servizos, sumado ao uso intensivo de envases dun só uso e á cultura de usar e tirar, acaba xerando toneladas de lixo cada día, co conseguinte impacto negativo na saúde, nos ecosistemas e na economía.
Fronte a esta realidade, xorde a imperiosa necesidade de adoptar hábitos cotiáns máis sostibles, tanto no fogar coao nos centros escolares, o traballo, o tempo de lecer e demais espazos de convivencia.
Reducir a produción de residuos implica, sobre todo, repensar a forma na que consumimos, utilizamos e refugamos os materiais. E neste marco, e co obxectivo de impulsar un consumo responsable e de máximo aproveitamento dos recursos, Sogama activa, durante a Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, que se estenderá ata o vindeiro domingo, 30 de novembro, a súa aula itinerante, que percorrerá, coa campaña “Reinicia os teus hábitos: Reduce, Reutiliza e Recicla!”, os campus universitarios de Santiago de Compostela (Sur), Lugo e Pontevedra.
O obxectivo é que técnicos especializados proporcionen aos estudantes, de forma directa e en primeira persoa, as claves para que aprendan a reducir a xeración de refugallos mediante un consumo responsable, a reutilizar os produtos e a clasificalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, garantindo así o seu posterior reciclado.
Neste sentido, prestarase atención á problemática derivada do depósito dun residuo no contedor equivocado, xa que acaba contaminando o resto de materiais, coa particularidade de que separar os impropios nas plantas de tratamento retrasa e encarece o proceso, co risco engadido de desperdiciar recursos valiosos contidos nos refugallos.
Por exemplo, un brik de leite no contedor azul, unha lata de conserva no xenérico ou un espello no contedor de vidro, estarían catalogados como residuos impropios, e aínda que poidan parecer pequenos erros, teñen importantes consecuencias.
A campaña de Sogama tamén inclúe un novo jingle corporativo, que se poderá escoitar nos propios campus, na web de Sogama e nas súas redes sociais, a través do cal, e a ritmo de música pop, anima aos cidadáns a poñer en práctica, cada día, os tres erres da sostibilidade .
A aula estará equipada con paneis informativos, xogos e diversos recursos didácticos e audiovisuais.
Calendario aula itinerante
- Luns, 24 de novembro: Campus Sur de Santiago. Exterior da Biblioteca Concepción Arenal (de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 h)
- Martes, 25 de novembro: Campus de Pontevedra. Diante da Escola de Forestais (de 11:00 a 18:00 h)
- Mércores, 26 de novembro: Campus de Lugo. Exterior de Intercentros (de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 h)
A Semana Europea incide na corresponsabilidade de todos os actores para diminuír a cantidade de residuos que deben ser sometidos a tratamento finalista, que, no caso de Sogama, pasa pola valorización enerxética da parte non reciclable, convertíndoa en enerxía eléctrica renovable. Con isto, a empresa pública, non só pon en valor os refugallos que non poden reciclarse, senón que evita a súa eliminación en vertedoiro, a peor das alternativas polo dano ambiental que pode chegar a ocasionar.
Sinxelos e eficaces xestos para producir menos residuos
- Transforma a roupa vella en trapos multiusos.
- Leva a túa propia bolsa ou carro á compra.
- Opta por adquirir produtos a granel e co menor envase e envoltorio posible.
- Planifica os menús, axusta as racións ao número de comensais e aproveita as sobras para novas comidas.
- Diferenza entre data de caducidade e data de consumo preferente. A primeira indica o momento a partir do cal un produto pode ser prexudicial para a saúde; a segunda, o momento a partir do cal o produto pode perder cualidades (sabor, textura, presenza), pero sen representar un risco para a saúde.
- Prioriza o uso de botellas, cuncas e vasos reutilizables, e evita a súa versión en plástico.
- Prescinde dos panos de mesa e panos de papel, e opta polos de tea.
- A adquisición de aparellos eléctricos e electrónicos reacondicionados, pode representar unha magnífica oportunidade para coidar o medio ambiente e aforrar diñeiro.
- A autocompostaxe, no caso de vivendas con terreo, permite poñer en valor os residuos orgánicos mediante a súa transformación nun abono natural que regresa á terra para dar unha nova vida, constituíndo un dos mellores exemplos de economía circular.
- Incorpora a reciclaxe á túa vida. Segrega correctamente os residuos por tipos de material e deposita cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para a materia orgánica; iglú verde, para os envases de vidro; xenérico, para a fracción resto ou non reciclable.
Cando participamos no sistema de recollida selectiva de forma correcta, estamos a dar unha nova oportunidade aos materiais a través da reciclaxe e propiciamos a súa conversión en novos produtos, contribuíndo a reducir a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, a minimizar os niveis de contaminación, a aforrar enerxía e, moi importante, a posibilitar que se xeren postos de traballo en empresas de recollida, plantas de tratamento e fabricación de novos produtos.
A aplicación do principio dos tres erres, xa non é só unha cuestión ambiental, senón tamén un compromiso social, educativo e empresarial que reflicte responsabilidade e visión de futuro.
Saúdos, Departamento de Comunicación