
- O Concello de Vigo equivócase á hora de sinalar responsables, pois foron precisamente as decisións do Goberno central, primeiro mediante o establecemento de impostos á vertedura e á incineración, e logo a través doutras medidas sancionadoras, as que provocaron unha situación de insostibilidade financeira para esta empresa pública
- O Concello está a beneficiarse dun canon de 83 €/Tn grazas a que a Xunta asumiu o 60% da subida do mesmo
- Adicionalmente, se o Concello reduce a cantidade de residuos que envía a Guixar e contribúe en maior medida á reciclaxe (a día de hoxe sitúase en pouco máis do 13%), o desembolso económico sería notablemente inferior para as arcas locais e, en consecuencia, para todos os vigueses
Vigo, a 15 de setembro de 2025.- En relación á actualización do canon de Sogama, esta empresa pública, como xa informou en reiteradas ocasións, quere poñer de relevo que o único culpable da subida do importe da factura que cobra aos seus clientes é o goberno de Pedro Sánchez.
A lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular contemplaba, por primeira vez, o establecemento de impostos á vertedura e á incineración que, como non podía ser doutra maneira, Sogama tivo que asumir no seu momento. Así o fixo a partir do 1 de xaneiro de 2023, cando a norma entrou en vigor, desembolsando ao Estado por este concepto máis de 9 M€ que non repercutiu aos concellos e confiando en que o Goberno central dese marcha atrás nas súas pretensións polas negativas consecuencias económicas que isto supoñía; consecuencias que si tiveron en conta 17 países europeos que decidiron non aplicar o tributo á incineración, como é o caso de Alemaña, Finlandia e Grecia, entre outros.
Pero o Estado, non só non deu marcha atrás, senón que decidiu de forma unilateral aplicar outras medidas sancionadoras: suprimir a retribución ao investimento da planta termoeléctrica do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, comprometida ata 2026 (e que supón 18 M€ anuais), diminuír a retribución á explotación da planta de coxeración e recuperar o imposto eléctrico do 7%. Todo isto supuxo un pau para as contas desta entidade, chegando a rexistrar no ano 2023 unhas perdas económicas de máis de 18 millóns de euros.
Dado o impacto desta situación e tendo en conta que, por lei, Sogama debe salvagardar a súa sostibilidade financeira, a compañía viuse obrigada a actualizar o canon en 2024, cun importe de 66 €/Tn no primeiro semestre e, ante a indiferenza do Estado, proceder a unha nova revisión do mesmo en 2025, cando alcanzaría os 108 €/Tn.
Canon reducido
Agora ben, tendo en conta a repercusión que esta subida tería no peto dos galegos, a Xunta de Galicia decidiu asumir o 60% da mesma (25 €/Tn), fronte ao 40% que corresponde ao Concello (17 €/Tn), logrando establecer desta forma un canon reducido de 95€/Tn ao que se acolleu Vigo, do mesmo xeito que outros 279 concellos galegos.
Este canon reducido está supeditado ao cumprimento dun destes dous requisitos: reducir a produción de residuos nun 1% e incrementar, nun 3%, a reciclaxe de envases (contedor amarelo) e/ou de materia orgánica (contedor marrón). A maiores, a Xunta achega aos Concellos, a través dun Fondo Ambiental adicional, 12 €/Tn, ingresando xa ao Concello de Vigo por este concepto un importe de 1.317.000 € durante os anos 2024 e 2025.
Polo tanto, e logo do ingreso efectuado pola Xunta con data 15 de abril de 2025, o Concello vigués está a asumir nestes momentos un canon de 83 €/Tn, non de 108 €/Tn, como sostén o alcalde.
Neste sentido, cabe lembrar que o Goberno do Sr. Sánchez cuestionou, e mesmo quixo tumbar, esta axuda da Xunta, cuxa pretensión é amortecer o incremento do canon.
Sogama manifestou en reiteradas ocasións que, se o goberno central suspende a aplicación das medidas que orixinaron esta situación, restablecería de forma automática o canon ao importe correspondente.
Taxa non deficitaria imposta pola mesma lei
No articulado da lei 7/2022, tamén se recolle que, a partir de abril de 2025, os Concellos quedan obrigados a implantar unha taxa de residuos non deficitaria na que se inclúan os custos reais do servizo, que, neste caso, non se supeditan unicamente ás prestacións de Sogama, debendo abarcar tamén os propios da contenerización, a recollida, o combustible utilizado e mesmo as campañas de concienciación. Quizais esta obrigación, decisión do Estado, teña moito que ver na subida das taxas que determinados Concellos están a aplicar.
Malia a actualización, o canon de Sogama continúa a ser o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España para plantas da súa tipoloxía (como exemplo, o de Guipúzkoa, con 214 €/Tn; o de Baleares, con 115 €/Tn, ou o de Cataluña, con 113 €/Tn)
Máis compostaxe e máis reciclaxe para reducir custos
Con todo, e máis aló das posibilidades abertas pola Xunta e Sogama para que os Concellos poidan diminuír o importe da factura que pagan por este servizo, o certo é que o canon polo tratamento da materia orgánica recollida a través do contedor marrón é menor que o do residuo xenérico, téndose establecido en 51,40 €/Tn para 2025. Convén non esquecer que en torno ao 40% dunha bolsa de lixo doméstico tipo está conformada por esta fracción.
Co fin de facilitar a xestión ao Concello e propiciarlle un aforro de custos, Sogama habilitou na planta de transferencia de Guixar unha tolva específica para esta fracción, á vez que levou a cabo unha reforma da instalación para mellorar as súas prestacións, substituíndo tamén a envolvente para minimizar ruídos e diminuír o seu impacto paisaxístico. A isto destinou un investimento de máis de 3,5 M€ entre 2024 e 2025.
Así mesmo, a maior achega á reciclaxe por parte dos Concellos, non só diminúe a cantidade de refugallos entregados a Sogama a través do contedor xenérico, senón que as arcas locais reciben ingresos económicos dos entes recicladores.
A realidade é que Vigo tan só contribúe á reciclaxe con pouco máis do 13%. Se o Concello reciclase o que establece a Unión Europea para 2025 (55%), en lugar do 13% actual, aforraríase 3,4 M€ entre o que deixaría de pagar a Sogama e o que ingresaría por unha maior achega á reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación