
- Malia a intensa participación, os membros do Comité non puideron chegar a un acordo sobre os textos propostos
- A directora executiva do PNUMA aludiu a limitacións derivadas dun contexto de complexidades xeopolíticas, desafíos económicos e tensións multilaterais
- Se ben recoñécense importantes diferenzas de posicionamento entre os Estados membros, estes expresaron o seu desexo de continuar o proceso
Cerceda, 3 de setembro de 2025.– Logo de varios días de reunións, as conversacións do Comité Intergobernamental de Negociación para elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, incluída a do medio mariño, suspendéronse sen consenso o pasado 15 de agosto, acordando a súa continuidade nunha data futura que se anunciará proximamente.
As reunións acolleron, no Palais des Nations en Xenebra, a máis de 2.600 participantes, incluídos máis de 1.400 delegados membros de 183 países e preto de 1.000 observadores que representaban a máis de 400 organizacións. Así mesmo, uns 70 ministros e viceministros, así coma outros 30 representantes de alto nivel, tamén realizaron mesas redondas informais á marxe da sesión.
Se ben recoñécense importantes diferenzas de posicionamento entre os Estados membros, estes expresaron o seu desexo de continuar o proceso. Neste sentido, Inger Andersen, directora executiva do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), manifestou que “foron 10 días moi rifados no contexto de complexidades xeopolíticas, desafíos económicos e tensións multilaterais. Con todo, algo queda claro: malia estas complexidades, todos os países claramente queren permanecer na mesa de negociacións”,
As conversacións seguiron un enfoque estruturado, comezando cunha sesión plenaria de apertura, pasando a catro grupos de contacto que abordaron áreas crave como o deseño dos produtos de plástico, as substancias químicas preocupantes, os límites de produción, o financiamiento e o cumprimento, seguido dunha sesión plenaria de avaliación, de consultas informais e, finalmente, dunha sesión plenaria de peche.
Non obstante, e malia a intensa participación, os membros do Comité non puideron chegar a un consenso sobre os textos propostos.
A sesión de Xenebra, Suíza, segue á que tivo lugar en novembro/decembro de 2024 en Busan, República de Corea, que estivo precedida por catro sesións: Punta do Leste, Uruguai, en novembro de 2022; París, Francia, en xuño de 2023; Nairobi, Kenya, en novembro de 2023; Ottawa, Canadá, en abril de 2024.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente