
- O evento, que terá lugar a próxima semana (entre os días 8 e 10 de outubro) na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, virará ao redor de tres eixos temáticos: industria, cidades e eólica
- Ademais de relatorios a cargo de expertos, a programación inclúe unha ampla zona expositiva, así coma encontros dinamizadores para favorecer a cooperación entre os diferentes axentes do sector
Cerceda, 3 de outubro de 2025.- O prazo de inscrición para a que será a segunda edición de Energy Days, promovida polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), continúa aberto. O congreso, que se celebrará a próxima semana, entre os días 8 e 10 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (Edificio CINC), configúrase como unha cita ineludible para o sector enerxético a nivel nacional.
Industria, cidades e eólica conforman os tres eixos temáticos ao redor dos cales se articula o programa do evento, que arrincará o mércores, día 8, abordando temáticas de plena actualidade tales como a eficiencia enerxética, as enerxías renovables, a transición enerxética e o almacenamento enerxético, complementándose co IV Foro de formación e emprego no sector enerxético (Enerforum 2025), que reunirá a empresas e a profesionais para dar a coñecer as ofertas laborais do sector en Galicia.
O 9 de outubro, as cidades serán as verdadeiras protagonistas do día, con espazos dedicados ás smart cities e a sostibilidade, a mobilidade sostible, a eficiencia enerxética en edificios e o IV Seminario Mulleres Stem. As sesións culminarán cun espazo dedicado á dixitalización no sector enerxético, poñendo o foco nunha tecnoloxía crave como é a Intelixencia Artificial.
Os Energy Days 2025 botarán o peche o 10 de outubro cun monográfico centrado na eólica, contemplando Wind Galicia, XII Xornada eólica, e un seminario de industria do sector no que se presentarán proxectos innovadores en renovables como RISS (un novo roteiro de fabricación de superestruturas eólicas intelixente, segura e sostible) ou Floatwind (novas solucións de deseño e fabricación de superestruturas para eólica mariña).
A asistencia ás sesións dos tres días do evento é aberta e gratuíta.
Toda a información en: https://energydays.es/
Saúdos, Departamento de Comunicación