- Trátase dunha das medidas enmarcadas no Real Decreto 1055/2022 de Envases e Residuos de Envases, no que se indica que información é obrigatoria e voluntaria no marcado dos envases, así como aquelas mensaxes prohibidas
- Con isto, a normativa busca reducir os residuos de envases, impulsar a reutilización e o enchido, e asegurar que todos sexan reciclables para 2030
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2025.- Desde o pasado 1 de xaneiro de 2025, e con carácter obrigatorio, todos os envases para uso doméstico deben proporcionar información sobre a fracción ou o contedor de destino unha vez convertidos en residuos, quedando excluídos os envases B2B.
Trátase dunha das medidas enmarcadas no Real Decreto 1055/2022 de Envases e Residuos de Envases, no que se indica que información é obrigatoria e voluntaria no marcado dos envases, así como aquelas mensaxes prohibidas.
A normativa, que substitúe á Directiva 94/62/CE, céntrase en reducir os residuos, fomentar a reutilización e o enchido, e asegurar que todos os envases sexan reciclables para o 2030, contribuíndo así á transición cara a unha economía circular.
SDDR e SIRAP ou SCRAP
Así mesmo, deberase indicar se o envase é reutilizable e incorporar o símbolo asociado ao Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR), que é aquel a través do cal o consumidor deixa en depósito uns céntimos cando compra o produto envasado, e ese diñeiro recupérao cando devolve ao comercio o envase baleiro. Esta metodoloxía de reciclaxe deberase aplicar, no prazo de 2 anos, aos envases domésticos de PET e polietileno de menos de 3 litros e dun só uso.
Outra das novidades é a adhesión aos Sistemas Individuais ou Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SIRAP ou SCRAP) para os envases comerciais e industriais. A través dos mesmos, as empresas que poñen produtos envasados no mercado fanse cargo da xestión dos residuos de envases mediante o pago dunha taxa. A data límite para facer efectiva a súa constitución venceu o pasado 31 de decembro de 2024.
Ademais, algúns tipos de envases de plástico dun só uso quedarán prohibidos a partir do 1 de xaneiro de 2030. Entre eles figuran os de froitas e verduras frescas sen procesar, os de alimentos e bebidas que se serven e consomen en cafeterías e restaurantes, os de porcións individuais (para, por exemplo, condimentos, salsas, crema, azucre), os envases pequenos de produtos de hixiene persoal e as bolsas de plástico moi lixeiras (de menos de quince micras). Pola súa banda, os fabricantes deben reducir ao mínimo o peso e volume dos envases, tendo en conta a seguridade e a funcionalidade.
Etiquetas harmonizadas
Todos os envases compostables, a excepción daqueles destinados ao transporte ou que formen parte dun sistema de depósito e devolución, deberán estar marcados cunha etiqueta con pictogramas que informen sobre a composición de materiais (compostable ou home-compostable), podéndose acompañar dun código QR con máis información.
Os envases nos que se poida aplicar o SDDR, marcaranse cunha etiqueta harmonizada e desta forma informarase do contido en reciclaxe e da composición de materiais, incluído o contido de plástico biobasado.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay