
- Previr este fenómeno é urxente e necesario, dado o seu alto impacto no cambio climático, pero tamén para protexer a biodiversidade, reducir a contaminación e mellorar a seguridade alimentaria
Cerceda, a 8 de abril de 2025.- Segundo un informe da AEMA (Axencia Europea de Medio Ambiente), en 2022 xeráronse aproximadamente 132 kg de desperdicio alimentario por persoa na Unión Europea, o que equivale a algo máis de 59 millóns de toneladas, cun notable impacto ambiental e económico.
Os Estados membros tomaron medidas para previr o desperdicio de alimentos, investindo en campañas de seguimento, concienciación e educación, pero o uso de medidas regulatorias ou de mercado, como subsidios e incentivos financeiros, segue sendo limitado.
Para acelerar o progreso, prevese que a UE adopte dous obxectivos vinculantes que os Estados membros deberán acadar en 2030: unha redución do 10% do desperdicio de alimentos no procesamento e a fabricación, e unha redución do 30% per cápita a nivel minorista e de consumo.
O informe tamén destaca que as estratexias de prevención de residuos deberían integrarse mellor nas políticas e medidas sobre o clima e a biodiversidade , argumentando que reducir o desperdicio de alimentos pode reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como a terra, a auga e os materiais utilizados na produción de alimentos.
Igualmente, os Estados membros deberían seguir as directrices da denominada «xerarquía do uso dos alimentos», que fai fincapé nun uso e unha reutilización máis eficientes dos produtos alimenticios. Por exemplo, os excedentes deberían doarse ou transformarse en piensos para animais en lugar de reciclarse.
Impactos do desperdicio de alimentos
O desperdicio alimentario continúa a ser alto e foi difícil, de acordo co estudo, reducir ou previr en toda a cadea: desde a produción ata o procesamento e a fabricación, pasando pola venda minorista, os servizos de alimentación e os fogares, o que suxire que é necesario intensificar as medidas de prevención.
O desperdicio de alimentos representa ao redor do 16 % das emisións totais de gases de efecto invernadoiro do sistema alimentario da UE. Ademais, e segundo a Comisión Europea, as perdas económicas estímanse en 132.000 millóns de euros anuais, coa particularidade de que desperdiciar alimentos implica que tamén se desperdician todos os recursos necesarios para a súa produción, coma o solo, a auga e a enerxía.
Fonte e imaxe: AEMA