
- Son elementos imprescindibles para fabricar baterías, turbinas eólicas, microchips ou vehículos eléctricos, pero que Europa importa en máis dun 90%
- Un informe elaborado polo consorcio europeo FutuRaM, e presentado durante o International E-Waste Day, ofrece o diagnóstico máis completo ata a data sobre a magnitude desta “mina urbana”
- No mesmo recóllense unha serie de recomendacións para que a UE reduza a súa dependencia da minería exterior e converta a súa montaña de residuos electrónicos nunha reserva estratéxica de materiais críticos
Cerceda, 15 de outubro de 2025.- Os europeos xeran cada ano 10,7 millóns de toneladas de residuos eléctricos e electrónicos (RAEE) —uns 20 quilos por persoa—, e dentro dese fluxo agóchanse preto dun millón de toneladas de materias primas críticas. Son elementos imprescindibles para fabricar baterías, turbinas eólicas, microchips ou vehículos eléctricos, pero que Europa importa en máis dun 90 %.
O informe Critical Raw Materials Outlook for Waste Electrical and Electronic Equipment, elaborado polo consorcio europeo FutuRaM e presentado durante o International E-Waste Day, ofrece o diagnóstico máis completo ata a data sobre a magnitude desta “mina urbana”.
O estudo prevé que, se se manteñen as tendencias actuais, o volume de residuos electrónicos podería alcanzar entre 12,5 e 19 millóns de toneladas anuais en 2050. Con todo, cunha estratexia de economía circular —baseada na reparación, o ecodeseño e a reutilización—, Europa podería manter os niveis de xeración actuais e, aínda así, recuperar máis dun millón de toneladas de materias críticas cada ano.
A análise do FutuRaM tamén detalla onde se atopan os materiais máis valiosos: o cobre, en cables e placas; o aluminio, en carcasas e bastidores; e os metais do grupo do platino, en circuítos e pantallas. En pequenas cantidades, pero de alto valor, aparecen neodimio, disprosio, tántalo ou galio, presentes en dispositivos cotiáns como secadores, taladros, consolas ou aparellos médicos.
Así mesmo, o informe expón tres escenarios cara a 2050: o tendencial, o de recuperación e o de circularidade. Neste último, a Unión Europea lograría manter estable o volume de residuos e multiplicar o aproveitamento de materiais estratéxicos grazas a un mellor deseño dos produtos, o reforzo das cadeas de reciclaxe e a rastrexabilidade dos RAEE. Neste sentido, recomenda fortalecer a recollida selectiva, incentivar o ecodeseño e aumentar o investimento en tecnoloxías de separación e refinado de elementos como terras raras ou metais do grupo do platino.
Normativa
A publicación coincide cun momento de forte impulso normativo na UE. A Critical Raw Materials Act (2024) establece que alomenos un 25 % da demanda europea anual de materias críticas deberá cubrirse con materiais reciclados para 2030. Ademais, a futura Circular Economy Act —en consulta desde agosto de 2025— e a revisión da Directiva RAEE prevista para 2026, reforzan a rastrexabilidade e o mercado de materias primas secundarias.
Como síntese, Europa ten ante si unha dobre oportunidade: reducir a súa dependencia da minería exterior e converter a súa montaña de residuos electrónicos nunha reserva estratéxica de materiais críticos. En palabras do propio informe, cada aparello refugado é un investimento desaproveitado.
Fonte WEEE Forum
Imaxe: Freepik