- A empresa pública proporcionoulles os composteiros e puxo á súa disposición distintos recursos didácticos para axudarlles na tarefa
- A pretensión é que o alumnado tome conciencia do valor do residuo, neste caso da materia orgánica, e se involucre na súa recuperación en forma de abono natural
Cerceda, 12 de decembro de 2025.- Un total de 230 centros educativos sumáronse ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama co obxectivo de elaborar o seu propio compost e aplicalo nos recintos escolares (hortas ou xardíns), pechando in situ o ciclo de recuperación da materia orgánica.
Trátase dunha actividade coa que os colexios pretenden inculcar ao alumnado o valor do residuo, neste caso da materia orgánica, mediante o seu aproveitamento en forma de abono natural, tal e como se fixo sempre no rural.
Para isto, contaron coa axuda desta empresa público, quen lles facilitou os composteiro para levar a bo porto o seu labor e propiciar que o proceso resulte máis limpo, hixiénico e cómodo.
Na meirande parte dos centros, son os propios escolares quen, baixo a supervisión dos docentes encargados desta área, encárganse de recoller os restos orgánicos, procedentes dos comedores ou das merendas, e depositalos no composteiro, asumindo tamén o rol de supervisores da operativa, xa que se ocupan de remover e airear a mestura e, en moitos casos, do control de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O proxecto intégrase no currículo académico, xa que representa unha forma práctica e amena de aprender cal é o ciclo da natureza, beneficios do compost e a súa importancia na loita contra o cambio climático, pois, ademais de achegar nutrientes ao solo, contribúe a reducir a xeración de residuos en orixe, evitando o seu posterior transporte e tratamento final.
Guías didácticas, un microsite web específico, vídeos e charlas, son algúns dos recursos que Sogama pon ao dispor dos centros para afianzar coñecementos neste ámbito, coa particularidade de que aqueles alumnos que residen en vivendas unifamiliares con terreo, tamén poden exportar esta práctica á contorna familiar, propiciando que en torno ao 40% da composición dunha bolsa de lixo doméstico, conformada por restos orgánicos, poida autoxestionarse no propio fogar.
Saúdos, Departamento de Comunicación