
- O galardón, creado polo Instituto de Estudos do Territorio, pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural, distinguindo aos municipios máis dinámicos neste eido
- Todas as candidaturas están a ser avaliadas por un xurado técnico e os municipios recoñecidos daranse a coñecer nun acto público a finais do mes de outubro
Cerceda, a 2 de setembro de 2025.-Un total de 36 concellos das catro provincias optan este ano a recibir as Bandeiras Verdes de Galicia, un distintivo creado e xestionado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) en 2020 co fin de poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural distinguindo aos concellos máis dinámicos neste eido.
As 36 candidaturas recibidas no marco desta sexta convocatoria (15 correspondentes á provincia da Coruña, 8 de Lugo, 6 de Ourense e 7 de Pontevedra) supoñen 1 máis que as do ano pasado e a cifra máis alta de concellos aspirantes desde a súa posta en marcha, un dato que evidencia a consolidación dun programa cada vez máis coñecido e apreciado polo municipalismo galego. De feito, compre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en crear un distintivo destas características.
A orde coas bases reguladoras para o outorgamento deste distintivo publicouse a finais do pasado mes de marzo no Diario Oficial de Galicia e a súa concesión realizarase despois do verán tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración recollidos na mesma.
Actualmente, todas as candidaturas están a ser avaliadas por un xurado técnico, que será o encargado de determinar os concellos galardoados que, posteriormente, recibirán as bandeiras nun acto público programado para finais do mes de outubro. Desde ese momento, os municipios poderán lucir e utilizar o distintivo ao longo dun ano natural.
Boas prácticas a valorar
Para a selección dos galardoados valoraranse as accións municipais e boas prácticas acreditadas polos municipios en relación co coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de dióxido de carbono, a posta en valor dos monumentos naturais, a educación e a sensibilización ambiental, a redución do consumo enerxético, a xestión responsable dos residuos e iniciativas de dignificación do territorio.
Con estes distintivos recoñécense tres categorías de concellos e os requirimentos mínimos para a obtención da Bandeira Verde son máis restritivos para aqueles que presentan unha maior complexidade urbana, con funcións que transcenden o ámbito municipal no sistema de asentamentos e con maiores recursos.
En todo caso, calquera concello de Galicia pode optar á bandeira verde e o seu outorgamento constituirá un mérito a valorar para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e de axudas autonómicas en materia de residuos de competencia municipal (construción e mellora de puntos limpos fixos, implantación de instalacións móbiles deste tipo, proxectos de preparación para a reutilización...).
Cómpre lembrar que na pasada edición da Bandeira Verde de Galicia, a de maior éxito ata o momento, resultaron galardoados un total de 24 municipios, concretamente: Ribadeo, Silleda, Larouco, Curtis, Cervo, A Illa de Arousa, Porqueira, San Sadurniño, Ordes, Ares, Boiro, Porto do Son, Vilariño de Conso, Sanxenxo, Muros, Ribeira, Parada de Sil, A Laracha, Sober, Lugo, Outeiro de Rei, Begonte, Cospeito e
Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático