- Esta empresa pública subministrou ao ente local outros tantos composteiros a través de diversas partidas
- Unha boa parte dos concellos galegos están a recuperar esta práctica, asentada no rural galego, e con importantes beneficios ambientais e económicos
Cerceda, 18 de novembro de 2025.- Coa recente subministración de 25 composteiros ao Concello de Pazos de Borbén (Pontevedra) para propiciar a ampliación da compostaxe doméstica a novas vivendas, xa son 400 as familias que participan activamente no programa impulsado por Sogama, ao que está adscrito este ente local.
A autoxestión da materia orgánica trae consigo importantes beneficios ambientais e económicos, xa que, ademais de obter un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, o concello pode aforrar custos na xestión e tratamento desta fracción, que representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa doméstica de lixo tipo.
Unha boa parte dos concellos galegos están a recuperar unha práctica que forma parte da tradición do medio rural, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost. A novidade neste caso vén dada polo composteiro, un recipiente con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, que facilita un proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente para os usuarios.
Desenvolvemento do programa
Tanto nos manuais de compostaxe editados por Sogama, coma no sitio web específico sobre este programa https://www.sogama.gal/es/compostaje-domestico-0, descríbese a operativa a seguir, prestando atención á propia localización do composteiro (no exterior da vivenda e en contacto directo co solo para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores), á relación de materiais que poden -e non poden-depositarse no mesmo e ao necesario control de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade. Tamén se fai referencia ás posibles aplicacións do compost resultante, que, polo xeral, e seguindo unhas sinxelas indicacións, ten unha boa calidade, cumprindo cos requisitos esixidos pola lexislación vixente para ser empregado na agricultura con garantías.
Informar para mellorar
Ademais de entregar os composteiros de forma gratuíta, Sogama tamén imparte sesións formativas presenciais naqueles concellos que así o soliciten, debendo estes encargarse de realizar un seguimento do programa durante polo menos un ano. Transcorrido este período, enviarán a esta empresa pública un informe no que deixarán constancia do traballo realizado, as consultas máis frecuentes efectuadas pola veciñanza e o grao de satisfacción con esta iniciativa.
Os datos obtidos a partir destes informes, axudarán á Sociedade Galega do Medio Ambiente a mellorar o programa, de tal forma que resulte rendible para as partes.
Saúdos, Departamento de Comunicación