- A pretensión desta viaxe, financiada polo propio ente local, era achegar a xestión dos refugallos aos cidadáns e que estes comprobasen en primeira persoa o traballo que debe realizarse para que os seus residuos reciban o mellor tratamento posible
Cerceda, 4 de novembro de 2025.- Esta mañá, máis de medio cento de veciños/as da localidade pontevedresa do Porriño, desprazáronse a Cerceda para coñecer a operativa do Complexo Mediombiental de Sogama e, concretamente, o tratamento que reciben os refugallos que producen cada día nos seus fogares, centros de traballo e tempo de lecer.
A pretensión desta viaxe, organizada e financiada polo propio Concello, e que forma parte da nova campaña de educación ambiental impulsada polo ente local, era achegar a xestión dos refugallos aos cidadáns e que estes comprobasen en primeira persoa o traballo que debe realizarse para que os seus residuos reciban o mellor tratamento posible, conforme á normativa vixente, e tomasen conciencia do custo que isto supón, contemplando outros conceptos necesarios tales como a contenerización, o servizo de recollida e transporte, e as campañas de concienciación.
O principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) estivo presente durante toda a xornada, xa que cantos menos refugallos se produzan, cando máis se alongue a vida útil dos produtos e canto mellor se segreguen os residuos en orixe e se depositen nos contedores correspondentes, a contribución á reciclaxe por parte da poboación será maior, descendendo os envíos a Sogama e, en consecuencia, o importe das facturas a pagar a esta empresa pública polo seu servizo.
Dobre percorrido
O percorrido guiado a pé polas instalacións que conforman o Complexo cercedense complementouse cun virtual, a través do cal os visitantes, equipados con lentes inmersivas 360º, tiveron a oportunidade de visualizar con todo detalle o funcionamento de cada planta, así como o itinerario que segue o residuo desde que entra nesta infraestrutura industrial ata que sae da mesma convertido en recurso, ben clasificado e preparado para o seu posterior reciclado, no caso daqueles materiais susceptibles de ser recuperados por esta vía, ou ben valorizado enerxeticamente, no caso dos non reciclables e que, de non ser convertidos en electricidade, acabarían enterrados en vertedoiro, sendo esta última a opción máis perniciosa para o medio ambiente e a saúde pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación