
- A maioría dos fondos dirixíronse á xestión de augas residuais e residuos, seguidos de proxectos para mitigar emisións, protexer o solo e conservar a biodiversidade
Cerceda, a 18 de xuño de 2025.-Segundo as últimas estimacións de Eurostat, os países da Unión Europea investiron en 2024 preto de 76.000 millóns de euros en activos esenciais para a prestación de servizos de protección ambiental. Esta cifra inclúe infraestruturas crave como plantas de tratamento de augas residuais, vehículos de transporte de residuos, adquisición de terreos para reservas naturais e equipos industriais máis limpos, representando o 2 % do total dos investimentos realizados na UE durante o ano.
O sector privado lidera o investimento ambiental
Do total, case 47.000 millóns de euros (o 61,4 %) foron destinados por empresas á compra de tecnoloxías e equipos orientados a reducir o impacto ambiental dos seus procesos produtivos, como sistemas para a redución de emisións atmosféricas. O resto dos investimentos, un 38,6 %, procedeu das administracións públicas e o sector non lucrativo.
Este volume de gasto confirma o papel crave do tecido empresarial na transición cara a un modelo económico máis limpo e eficiente.
Augas, residuos e cambio climático, principais focos
A distribución do gasto pon de relevo as prioridades ambientais dos Estados membros. O 38,2 % do investimento destinouse a xestión de augas residuais e o 24,8 % a tratamento de residuos.
Outras áreas destacadas foron a protección fronte á radiación, a investigación ambiental e actividades diversas, que sumaron o 14 %, e as accións de protección do aire e do clima, que representaron o 11,2 %.
Pola súa banda, a protección do solo e as augas subterráneas supuxo o 5,6 %, e a protección da biodiversidade e a paisaxe, o 5,2 %. Só un 1 % destinouse a medidas de redución do ruído.
Fonte e imaxe: Eurostat