- A medida, prevista no Regulamento de Ecodeseño para Produtos Sostibles, obriga ás grandes empresas a priorizar a venda, doazón ou preparación e busca reducir o desperdicio de recursos
- Subliña que a destrución de produtos novos supón a perda de materias primas, auga, enerxía e traballo empregados na súa fabricación, ademais de xerar emisións de gases de efecto invernadoiro que poden evitarse
- Segundo datos da AEMA, entre o 4% e o 9% de todos os produtos téxtiles introducidos no mercado europeo destrúense antes de ser utilizados, o que representa entre 264.000 e 594.000 toneladas cada ano
Cerceda, 20 de xullo de 2026.- A prohibición de destruír roupa, accesorios téxtiles e calzado novos non vendidos entrou en vigor onte, 19 de xullo ,na Unión Europea para as grandes empresas. A medida forma parte do Regulamento de Ecodeseño para Produtos Sostibles (ESPR) e constitúe unha das primeiras actuacións concretas derivadas desta normativa, co obxectivo de manter os produtos en uso durante máis tempo e avanzar cara a un modelo de economía circular.
A partir de agora, as empresas deberán priorizar a comercialización dos excedentes, xa sexa mediante descontos ou mercados alternativos, a súa doazón a entidades sociais ou a súa preparación para a reutilización mediante operacións como a reparación, o reacondicionamiento ou a remanufactura.
A Comisión Europea subliña que a destrución de produtos novos supón a perda de materias primas, auga, enerxía e traballo empregados na súa fabricación, ademais de xerar emisións de gases de efecto invernadoiro que poden evitarse.
Destrución só en casos excepcionais
A normativa contempla unicamente un número limitado de excepcións nas que poderá autorizarse a destrución destes produtos. Entre elas figuran os artigos danados ou inseguros, os produtos falsificados ou que vulneren dereitos de propiedade intelectual, así como aqueles que fosen rexeitados por organizacións benéficas ou programas de doazón.
Nestes supostos, as empresas deberán xustificar documentalmente o motivo da destrución, por exemplo mediante informes ou resultados de ensaios, e publicar un informe anual sobre os produtos descartados. Ademais, calquera eliminación deberá respectar a xerarquía de xestión de residuos, priorizando a reciclaxe fronte a outras opcións de tratamento.
Supervisión do cumprimento da norma
As autoridades nacionais serán as encargadas de supervisar o cumprimento da normativa e poderán impoñer sancións en caso de incumprimento. As empresas deberán conservar a documentación durante cinco anos para facilitar as inspeccións.
Co fin de reducir a carga administrativa, os requisitos de información utilizarán os códigos xa empregados nos sistemas aduaneiros e loxísticos. As microempresas e pequenas empresas quedan exentas destas obrigacións, mentres que as medianas disporán dun período transitorio e deberán cumprir a prohibición a partir de 2030.
O Regulamento de Ecodeseño para Produtos Sostibles, en vigor desde 2024, establece un marco común para que os produtos comercializados na Unión Europea sexan máis duradeiros, reparables, reciclables e eficientes no uso dos recursos.
O sector téxtil foi o primeiro en quedar suxeito a esta prohibición debido ao impacto ambiental asociado aos actuais modelos de produción e consumo. Segundo datos da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), entre o 4% e o 9% de todos os produtos téxtiles introducidos no mercado europeo destrúense antes de ser utilizados, o que representa entre 264.000 e 594.000 toneladas de téxtiles cada ano.
Fonte: Comisión Europea