- A actividade concibíase como unha forma de alentalos a seguir colaborando na protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos refugallos e mesmo de levar a cabo unha tarefa educativa e de concienciación na súa contorna familiar e social
- Equipados con lentes inmersivas, realizaron unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo industrial desta empresa pública, podendo comprobar o tratamento que reciben os residuos recibidos nesta infraestrutura (bolsa amarela e bolsa negra)
Cerceda, 2 de decembro de 2025.- Un grupo de persoas maiores de 65 anos e usuarias de Cruz Vermella Pontevedra, viaxou recentemente a Cerceda (A Coruña) para coñecer e comprobar in situ o tratamento que reciben os residuos que producen cada día.
A actividade concibíase como unha forma de alentalos a seguir colaborando na protección do medio ambiente a través da xestión sostible dos refugallos, que necesariamente debe pasar pola prevención, a reutilización (alongando ao máximo a vida útil dos produtos), e a reciclaxe, que require unha separación previa dos materiais que conforman o lixo e o seu depósito nos correspondentes contedores a fin de garantir a súa recuperación e, polo tanto, a súa transformación en novos artigos.
Apoiados por distintos instrumentos didácticos e divulgativos, os educadores explicaron aos integrantes deste colectivo o percorrido que segue o residuo desde que se xera ata que chega a Sogama e sae do seu Complexo convertido en recurso, tendo en conta que, no caso dos refugallos non reciclables, a empresa acondiciona a partir dos mesmos un combustible CDR que valoriza enerxeticamente para producir electricidade renovable, impedindo ao mesmo tempo que acaben enterrados en vertedoiro, o último elo na xestión xerarquizada que propugna a normativa europea dado o seu negativo impacto ambiental e sobre a saúde. De feito, a día de hoxe Sogama produce con esta fracción a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Percorrido virtual
Equipados con lentes inmersivas e, a través dun percorrido virtual, os visitantes puideron ver, co máximo detalle, a operativa das distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense, onde se procesa, por unha banda, a denominada bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), que a compañía separa por materiais para enviar aos centros recicladores, e, por outro, a bolsa negra ou fracción resto, da que se segregan os residuos potencialmente reciclables e que deberían ter sido introducidos noutros contedores de recollida selectiva para remitilos tamén á industria transformadora.
Actividades deseñadas para maiores
Cruz Vermella Pontevedra dispón de diversas actividades orientadas a maiores coas que pretende reforzar a súa autonomía, autoestima, socialización e participación na protección da contorna.
É o caso do Taller "Maiores + Activos", no que se contemplan sesións de actividade física, mental e social; o programa "Saúde constante plus", pensado para aquelas persoas con indicadores de risco, e no que se combina visitas domiciliarias, acompañamento a centros de saúde, apoio coa medicación e paseos; a "Rede de Paseantes", que promove o envellecemento activo a través de paseos grupais semanais para mellorar a calidade de vida; e "Avós e avoas educadores", aqueles que coidan dos seus netos, ofrecendo ferramentas e habilidades para enfrontar situacións cotiás.
Saúdos, Departamento de Comunicación