
- Trátase dun programa orientado a persoas maiores para fomentar a comunicación entre elas e propiciar a súa participación en actividades informativas, de sensibilización e de lecer, así como de adquisición de competencias
- Os integrantes do grupo puideron comprobar por si mesmos, e a través dun percorrido virtual e outro complementario a pé, a actividade de Sogama e o tratamento dispensado aos refugallos que xeran cada día
Cerceda, 10 de outubro de 2025.- Un grupo de usuarios/as do programa Enréd@te da Cruz Vermella de Santiago de Compostela, visitaron esta semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para reforzar e ampliar os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos municipais e tamén para comprobar por si mesmos o tratamento ao que son sometidos os refugallos que xeran cada día: clasificación dos materiais por tipoloxías e posterior envío aos centros recicladores para ser transformados en novos produtos e valorización enerxética da parte non reciclable, producindo a partir da mesma enerxía suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Logo das explicacións proporcionadas por educadores especializados, foron equipados con lentes inmersivas 360º para realizar un percorrido virtual polas distintas plantas que integran o Complexo industrial. Esta experiencia complementouse cun itinerario guiado a pé, proporcionándolles así unha visión máis ampla, completa e integral dos procesos e tecnoloxías utilizadas.
A xornada concluíu cun coloquio que serviu para poñer en común as percepcións da visita, posibles aprendizaxes e o seu potencial para tomar conciencia da necesidade de reducir a produción de residuos e de separalos correctamente por tipoloxías para garantir o seu posterior reciclado.
Tecendo redes
Enréd@te é un programa telemático de Cruz Vermella dirixido a maiores, sendo o seu obxectivo aliviar a soedade e o illamento involuntario daquelas persoas que non dispoñen dun círculo social acorde ás súas necesidades. Facilítase así a comunicación entre elas a través da creación dunha rede social, propiciando a súa participación en actividades informativas, de sensibilización e de lecer, así como de adquisición de competencias.
Saúdos, Departamento de Comunicación