
- Promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, pon o foco nos denominados “impropios”, é dicir, naqueles residuos que, por erro, descoñecemento ou falta de concienciación, acaban no contedor equivocado, limitando e mesmo impedindo a reciclaxe dos correctamente depositados
- A iniciativa pretende mostrar, dunha forma visual, os erros máis comúns e faino a través dun concepto tan coñecido como o das manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo como non mesturar cores
- A aula itinerante, atendida por educadores especializados, continuará o seu periplo por Galicia con xogos e itinerarios a través dos cales os visitantes poderán facerse con distintos premios
Cerceda , a 1 de setembro de 2025.- Veciños e veciñas de 17 concellos das catro provincias galegas puideron complementar e reforzar os seus coñecementos en reciclaxe coa aula itinerante da campaña “Separa. Depende de ti”, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama. O obxectivo desta iniciativa é incentivar a colaboración cidadá na consecución de maiores cotas de reciclaxe, contribuíndo así ao cumprimento dos obxectivos europeos na materia. É por iso que se presta especial atención aos denominados “impropios”, é dicir, a aqueles residuos que, por erro, descoñecemento ou falta de concienciación, acaban introducir no contedor equivocado, limitando e mesmo chegando a impedir a reciclaxe dos correctamente depositados.
Aula itinerante de carácter pedagóxico e lúdico
A través dunha aula atendida por educadores especializados en residuos, móstranse os impropios máis comúns e concrétanse os refugallos a depositar nos principais contedores situados a pé de rúa: amarelo, para envases de plástico, latas e briks (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para o papel e cartón (evitando os papeis e cartóns sucios, mollados ou con restos de graxa); iglú verde, para os envases de vidro (sen tapas nin tapóns); contedor marrón, para a materia orgánica; e xenérico, para a fracción resto, é dicir, para os refugallos non reciclables, que Sogama converte en enerxía eléctrica.
Con todo, e tendo en conta que neste recipiente aínda se depositan materiais reciclables, Sogama dispón dunha planta, que opera con tecnoloxía 4.0, na que, a través de mecanismos e procesos de última xeración, consegue seleccionalos para o seu posterior envío aos centros recicladores, se ben nalgúns casos non teñen a calidade suficiente por chegar mesturados con restos orgánicos e outros impropios. De aí que a separación en orixe por parte da cidadanía continúe a ser o cimento da reciclaxe de calidade.
Para que a poboación consiga visualizar a importancia da súa colaboración, a campaña utiliza o concepto de manchas, evidenciando que separar residuos é tan sinxelo coma non mesturar cores.
Tamén se proporciona información relevante sobre o que acontece cando clasificamos axeitadamente e cando non. No primeiro caso, os residuos convértense en recursos valiosos para a fabricación de novos produtos, reducindo a necesidade de extraer da natureza materias primas virxes, diminuíndo a contaminación e xerando postos de traballo. No segundo caso, contamínanse os refugallos correctamente separados e, polo tanto, complícase o proceso de recuperación, encarecéndoo, pois separar os impropios require tempo e diñeiro extra, coa particularidade de que se perden materiais que poderían transformarse en novos artigos de utilidade.
A aula itinerante, na que tamén se integraron xogos con distintos premios, fixo escala en 18 concellos, isto é, Sanxenxo, Bueu, Poio, Cambados, Silleda, Moaña e Cangas, na provincia de Pontevedra; Curtis, Ordes, Frades e San Sadurniño, na da Coruña; Viveiro, Cervo, Foz e Ribadeo, na provincia de Lugo; e O Barco de Valdeorras e O Carballiño, na provincia de Ourense. En próximas datas, continuará o seu periplo por Galicia, sendo Ferrol uno dos concellos axendados.
Máis información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Reciclar é aforrar
A campaña proporciona tamén datos curiosos. Por exemplo, que cada tonelada de cartón reciclado aforra o equivalente á enerxía que necesita un fogar durante seis meses; que reciclar unha botella de vidro aforra a enerxía suficiente para manter unha televisión acesa durante 20 minutos; que reciclar tres botellas aforra a enerxía que se necesita para cargar un teléfono móbil durante todo un ano; que se necesitan 500 anos para que unha botella de plástico se degrade na natureza; que co aluminio reciclado de 19.000 latas pódese fabricar un coche enteiro; ou que por cada tonelada de briks reciclados pódese aforrar ata 1,5 toneladas de madeira.
Saúdos, Departamento de Comunicación