
- Educadores especializados impartiron na localidade un curso de formación presencial para instruír ás familias interesadas
- A día de hoxe, xa son 200 os compostadores entregados por Sogama neste concello, unha cifra que se eleva a máis de 8.300 na provincia
Cerceda, a 19 de maio de 2025.- Logo dnha recente entrega de composteiros no Concello de Covelo (Pontevedra) por parte de Sogama, educadores especializados da empresa pública trasladáronse a esta localidade para impartir un curso de formación sobre autocompostaxe. A sesión, orientada aos veciños que se incorporaban por primeira vez a este programa ambiental, serviu tamén para que aqueles con maior bagaxe na materia tivesen a oportunidade de consultar dúbidas e trasladar as súas observacións sobre esta iniciativa, á que cada vez se suman máis familias.
A día de hoxe xa son 200 os fogares de Covelo que autoxestionan a materia orgánica, representando esta en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo. Dado que esta porcentaxe se valoriza en orixe mediante a súa transformación en compost, un abono natural que achega nutrientes ao solo e que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades, a cantidade de residuos que acaban no contedor da rúa é moito menor, circunstancia que pode contribuír a reducir a frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera, coa particularidade de que diminuirá tamén as toneladas entregadas a Sogama para o seu tratamento finalista, véndose minorados os custos de xestión.
Durante o curso, instruíuse aos asistentes sobre a operativa a seguir desde que se coloca o composteiro (no exterior da vivenda e nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra), ata os residuos que poden e non poden depositarse neste recipiente, así coma o necesario control de elementos tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que influirán no resultado final. O obxectivo, en todo caso, é obter un abono de alta calidade que poida ser aplicado en xardíns, hortas e terras de cultivo con garantías e conforme aos requisitos establecidos pola normativa vixente.
A día de hoxe, Sogama repartiu na provincia de Pontevedra, e de forma gratuíta, máis de 8.300 composteiros entre 47 concellos, 72 centros educativos e 8 colectivos sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación