
- A empresa impartiu en días pasados un curso de formación, que tivo lugar no Centro Cultural de Sigüeiro, no que se procedeu ao reparto dunha nova partida de composteiros (50 en total), manuais didácticos de apoio e cubos para materia orgánica de 10 litros
- A xornada contou coa presenza do alcalde, Álex Doval, quen puxo de relevo a importancia do programa local de autocompostaxe para contribuír á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático
Cerceda, a 14 de xullo de 2025.- Veciños do Concello de Oroso (A Coruña) asistiron en días pasados a un curso de formación impartido por técnicos de Sogama para instruírse na técnica da compostaxe doméstica e coñecer polo miúdo a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade.
A xornada contou coa presenza do alcalde, Álex Doval, quen puxo de relevo a importancia do programa local de autocompostaxe para contribuír á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático, animando á cidadanía a participar activamente nunha iniciativa con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Así, e dado que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico, se esta porcentaxe se xestiona na propia vivenda e se evita o seu depósito nos contedores da rúa, limitaríanse en certa medida as emisións de CO2 derivadas do servizo de recollida de residuos municipal ao diminuír a frecuencia do transporte e rebaixaríase o importe da factura a pagar a Sogama polo tratamento da bolsa negra.
Para que a o programa siga o seu curso, Sogama entregou ao ente local dúas partidas de composteiros, unha primeira de 85 unidades e unha segunda de 50. Todos eles, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Tamén subministrou aos usuarios manuais didácticos de apoio a través dos cales poderán obter toda a información sobre a iniciativa e os pasos para seguir.
Durante o curso presencial, celebrado no Centro Cultural de Sigüeiro, explicouse o proceso de compostaxe in situ: desde a propia localización do composteiro, que debe estar nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra, ata os residuos que deben introducirse no mesmo, o necesario equilibrio entre fracción húmida e seca, o control da temperatura, o osíxeno e a humidade, así como as aplicacións do compost resultante.
Os asistentes fixeron distintas consultas, interesándose pola tipoloxía de malla antirroedores máis axeitada ou como conservar en perfectas condicións o abono obtido ata a súa utilización.
Ademais de recibir o composteiro, puideron facerse cun cubo marrón de 10 litros para a materia orgánica.
Saúdos, Departamento de Comunicación