
- O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) advertiu que, a menos que se asine un acordo internacional, os residuos plásticos triplicaranse para 2060, causando danos significativos ao planeta e á saúde
Cerceda, a 6 de agosto de 2025.- Logo da decisión tomada en 2022 polos Estados membros de desenvolver un instrumento internacional xuridicamente vinculante para poñer fin á crise da contaminación plástica, retómanse as negociacións en Xenebra, que se estenderán ata o próximo 14 de agosto, para abordar o negativo impacto dos plásticos sobre a saúde, o medio ambiente e a economía.
O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) advertiu que, a menos que se asine un acordo internacional, os residuos plásticos triplicaranse para 2060, causando danos significativos ao planeta e á saúde. Ao respecto, a directora executiva do PNUMA, Inger Andersen, insistiu na necesidade dunha transformación sistémica para lograr a transición cara a unha economía circular.
O obxectivo do acordo é que abarque o ciclo de vida completo dos plásticos, desde o deseño ata a produción e a eliminación, para promover a circularidade e previr a súa fuga ao medio ambiente, segundo o texto que guía as conversacións do Comité Intergobernamental de Negociación.
Durante dez días, delegacións de 179 países analizarán minuciosamente o texto do Comité, xunto con máis de 1.900 participantes de 618 organizacións observadoras, científicos, ambientalistas e representantes da industria. Unha das pretensións da reunión é compartir métodos probados para reducir o uso de plástico, como substitutos sen plástico e outras alternativas máis seguras.
En vésperas das conversacións en Xenebra, a revista médica The Lancet publicou que os materiais utilizados nos plásticos causan enfermidades xeneralizadas “en todas as etapas do ciclo de vida do plástico e en todas as etapas da vida humana” e, ademais, “son responsables de perdas económicas relacionadas coa saúde que superan os 1,5 billóns de dólares anuais”.
Segundo Jyoti Mathur-Filipp, secretaria executiva do Comité Intergobernamental de Negociación sobre a Contaminación Plástica, quen lidera as conversacións en Xenebra, “os cálculos indican que, só en 2024, a humanidade consumiu máis de 500 millóns de toneladas de plástico e, desta cantidade, 399 millóns converteranse en residuos”.
As últimas previsións indican que as fugas de plástico ao medio ambiente aumentarán un 50% para 2040. “O custo dos danos causados pola contaminación plástica podería ascender a un total acumulado de 281 billóns de dólares entre 2016 e 2040”, sostivo Mathur-Filipp.
Roteiro cara a un acordo internacional
Ata a data, celebráronse cinco sesións de negociación para un tratado sobre plásticos. A primeira tivo lugar en Uruguai, en novembro de 2022. Dúas máis celebráronse en 2023, en Francia e Kenya. En abril de 2024, o Comité Intergobernamental de Negociación reuniuse en Canadá e, máis recentemente, as conversacións tiveron lugar en Busan, República de Corea, a finais do ano pasado. Estas conversacións suspendéronse despois de que as delegacións acordasen renovalas en Xenebra, baixo o liderado do presidente do Comité, o embaixador Luis Vayas Valdivieso de Ecuador.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente