
- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na presentación da Oficina de Economía Circular Industrial
- Este instrumento para axudar ás empresas constituirase ao abeiro dun dos grupos de traballo previstos dentro da Oficina de Economía Circular Industrial e o obxectivo é que se poña en marcha ao longo do próximo ano
- A conselleira destaca que esta ferramenta para conectar ao empresariado busca que os recursos que unhas compañías desbotan poidan ser usados como materia prima por outras, reducindo así a xeración de lixo industrial e impulsando a circularidade
- Ángeles Vázquez salienta que a oficina circular industrial permitirá ver as carencias e oportunidades na xestión dos refugallos do tecido empresarial galego e lembra que o aproveitamento de todos os materiais dispoñibles pode facer a diferenza nun contexto global de escaseza de recursos
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025.- A Xunta creará unha bolsa de subprodutos en Galicia para promover o intercambio entre as empresas de recursos sobrantes, residuos e restos de produtos co fin de optimizar o aproveitamento das distintas materias dispoñibles e avanzar con paso firme no camiño cara a implantación do modelo de economía circular na comunidade.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou durante a presentación da Oficina de Economía Circular Industrial que este instrumento se creará ao abeiro dun dos grupos de traballo que se constituirán baixo o paraugas da oficina co obxectivo de que se poña en marcha ao longo do próximo ano.
O fin último, detallou, é que os recursos que unhas compañías desbotan -ben porque carecen de maquinaria para reutilizalos e darlle unha segunda vida ben porque para elas son un residuo- poidan ser aproveitados por outras como materia prima reducindo así a xeración de lixo industrial e promovendo a economía circular do conxunto do tecido produtivo da comunidade. “Non hai mellor exemplo de economía circular ca ese”, aseverou a representante do Executivo autonómico.
Por iso, a conselleira mostrou a confianza en que a creación desta bolsa será de utilidade para as empresas galegas e animounas a recorrer ao asesoramento que ofrece a Oficina de Economía Circular Industrial -que se suma á municipal presentada a semana pasada- para avanzar cara a un modelo produtivo máis sostible no que se minimice o desperdicio e se maximice a reutilización dos distintos recursos.
A responsable autonómica salientou que a posta en marcha das dúas oficinas de economía circular -a industrial e a municipal- supoñen un investimento ata 2028 de máis de 2 millóns de euros co fin de acadar de xeito integral un modelo socioeconómico circular, de óptimo aproveitamento dos recursos e máximo respecto ao medio ambiente.
Entre as tarefas deste novo instrumento de apoio ao tecido produtivo inclúense o asesoramento xeral ás empresas, a elaboración de estudos e informes en materia de xestión de residuos, así como guías e manuais, ou a creación dun inventario galego de accións circulares para coñecer o estado real da economía circular en Galicia desde o punto de vista empresarial. A maiores, prevese a constitución de distintos grupos de traballo entre os que se inclúe o da bolsa de subprodutos, outro dirixido aos xestores de residuos industriais ou un terceiro co obxectivo de crear parques empresariais circulares nos que se fomente a simbiose entre as empresas asentadas neles.
Ángeles Vázquez puxo en valor que este tipo de medidas contribúen a impulsar unha industria moderna e respectuosa co medio ambiente, algo moi relevante nun contexto global de escaseza de recursos e no que o máximo aproveitamento das materias primas dispoñibles, aplicando a investigación e as últimas tecnoloxías, poden facer a diferenza.
Por iso, incidiu en que a Oficina de Economía Circular Industrial vai ser unha ferramenta moi útil para detectar, a través da colaboración público-privada, as carencias e oportunidades existentes no mercado e avanzar cara unha sociedade comprometida en todos os sentidos coa economía circular, que aposte pola reutilización dos materiais e por elevar as taxas de reciclaxe o máximo posible.
Estratexia clara
A creación desta oficina -que se suma á lanzada a semana pasada para asesorar aos concellos- forma parte da aposta da Xunta por acadar a excelencia ambiental mediante a coordinación coas entidades locais e co sector privado. O obxectivo último é avanzar nun modelo económico e social que aposta pola circularidade, en liña coa Estratexia Galega de Economía Circular 2030 e coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, elaboradas tendo en conta os principios que emanan do Pacto Verde Europeo.
Neste sentido, en Galicia o cumprimento da normativa en materia de xestión de residuos é fundamental para avanzar no eido da sostibilidade, motivo polo que o Executivo galego desenvolveu o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030 e o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2030, dous documentos clave nesta materia e para a economía da comunidade.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático