
- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou que a partir de hoxe estará activa unha páxina web na que as empresas se poderán inscribir indicando o seu interese en participar como mentoras ou mentorizadas
- A simbiose industrial reduce custos, optimiza recursos e promove a sostibilidade ao mellorar a eficiencia dos procesos, crear novas oportunidades de negocio e permitir aproveitar subprodutos industriais como materia prima para outras empresas
- Esta iniciativa forma parte da folla de ruta deseñada pola Consellería no marco da Oficina de economía circular industrial, posta en marcha este ano para asesorar ás empresas, entre outras cuestións
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025.- A Xunta pon en marcha o Programa de mentoring en circularidade industrial de Galicia co obxectivo de crear simbioses no tecido produtivo a través dunha rede de colaboración na que empresas tractoras en sostibilidade acompañen a outras para avanzar cara a un modelo de economía circular.
Segundo anunciou onte a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa participación na xornada Estratexias efectivas de simbiose industrial, na que estivo acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, a partir de hoxe, 19 de xuño, estará activa unha páxina web na que as empresas se poderán inscribir indicando o seu interese en participar como mentoras ou mentorizadas.
“O noso obxectivo é crear un ecosistema industrial no que se potencien as prácticas sostibles, se optimicen os recursos, se reduzan os residuos e se transformen en modelos de negocio”, incidiu a conselleira, que engadiu que o programa de mentoring permitirá despregar subgrupos por zonas industriais de Galicia, activar dinámicas locais e que o coñecemento das empresas tractoras teña impacto directo no tecido produtivo.
Tal e como dixo a conselleira, a simbiose industrial “reduce custos, optimiza recursos e promove a sostibilidade” xa que mellora a eficiencia dos procesos ao reducir desperdicios e fomentar a reutilización, crea novas oportunidades de negocio e innovación en sectores estratéxicos, e permite aproveitar subprodutos industriais como materia prima para outras empresas.
En concreto, este novidoso programa permitirá conectar empresas con experiencia en circularidade con aquelas que buscan optimizar os seus procesos. Deste xeito, as empresas tractoras liderarán a dinamización dese ecosistema industrial achegando coñecemento para desenvolver proxectos de simbiose e facilitar a transición cara a un modelo circular. En canto ás empresas mentorizadas, terán a oportunidade de integrarse nun modelo produtivo máis sostible e colaborativo.
Oficina de economía circular industrial
Esta iniciativa forma parte da folla de ruta deseñada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no marco da Oficina de economía circular industrial, posta en marcha este ano con funcións como o asesoramento xeral ás empresas, a elaboración de estudos e informes en materia de xestión de residuos, así como guías e manuais, ou a creación dun inventario galego de accións circulares para coñecer o estado real da economía circular en Galicia desde o punto de vista empresarial.
Así, tal e como indicou a conselleira, unha vez recollidas as solicitudes de participación das empresas, a previsión é constituír antes de que acabe este ano un grupo de traballo en simbiose industrial formado por expertos e tecido produtivo, que, ademais de promover o devandito programa de mentoring, analizarán sectores con alto potencial de colaboración -como o químico, o enerxético ou o téxtil-, estudarán fluxos de materiais e recursos -biomasa, calor residual- e deseñarán proxectos colaborativos concretos.
A maiores, está prevista a creación dunha Bolsa de subprodutos de Galicia no ano 2026 co obxectivo de que os recursos que unhas compañías desbotan -ben porque carecen de maquinaria para reutilizalos e darlle unha segunda vida ben porque para elas son un residuo- poidan ser aproveitados por outras como materia prima reducindo así a xeración de lixo industrial e promovendo a economía circular do conxunto do tecido produtivo da comunidade.
Para concluír, a conselleira subliñou que con estas medidas Galicia posicionarase como referente no eido da economía circular cun enfoque práctico, realista e medible e “no que ninguén se quedará atrás”.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático