
- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na presentación desta ferramenta de asesoramento aos municipios
- Ángeles Vázquez destaca que este servizo busca promover modelos de crecemento económico sostibles e neutros desde o punto de vista climático, o que axudará a avanzar cara a un futuro máis responsable e respectuoso coa contorna
- O Executivo galego pretende fomentar actuacións que incidan na eficiencia dos sistemas de recollida do lixo e o intercambio de coñecementos e boas prácticas co fin de optimizar o funcionamento do sistema desde o punto de vista local
- As accións previstas tamén contribuirán a determinar o grao de cumprimento da normativa vixente dos modelos de xestión implantados nos concellos e favorecerán unha maior concienciación da cidadanía sobre o axeitado tratamento dos refugallos
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025.- A Xunta reforza o apoio aos concellos na xestión dos residuos coa posta en marcha dunha Oficina de Economía Circular Municipal para acelerar a transición cara un modelo económico e social máis sostible promovendo accións aliñadas coa xerarquía no tratamento dos refugallos e dando prioridade á prevención, reutilización e reciclaxe dos distintos materiais.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na presentación desta nova ferramenta que ten como obxectivo asesorar ás entidades locais e estreitar a colaboración e coordinación con elas co fin de aproveitar as innovacións existentes neste eido e optimizar así a xestión. Deste xeito búscase o desenvolvemento de medidas que promovan modelos de crecemento económico sostibles e neutros desde o punto de vista climático, o que axudará a avanzar cara a un futuro máis responsable e respectuoso coa contorna.
De feito, con este apoio técnico especializado aos concellos promoveranse actuacións para lograr a mellora da eficiencia dos sistemas de recollida de residuos e a creación de foros e encontros para o intercambio de coñecementos e boas prácticas entre as entidades locais, colaborar na monitorización de datos ou elaborar estudos sobre a materia co fin de optimizar o funcionamento do sistema, entre outras cuestións.
Nesta liña, a responsable autonómica destacou que o Executivo galego destina entre este ano e 2028 un total de 1,3 millóns de euros á prestación deste servizo para poñer en marcha accións orientadas á implantación de modelos de xestión de residuos municipais avanzados e en liña cos principios da economía circular. Ao mesmo tempo permitirá dar pasos tanto no cumprimento da normativa como na consecución dos obxectivos comunitarios establecidos nesta materia.
O traballo desta oficina contribuirá ademais a determinar o grao de eficiencia e cumprimento da lexislación vixente dos sistemas de xestión de residuos municipais implantados nos concellos e axudará a identificar experiencias innovadoras desenvolvidas en modelos avanzados de tratamento de refugallos a nivel local.
Colaboración
O servizo servirá tamén de punto de encontro e participación para todos os axentes implicados na xestión de residuos municipais favorecendo o desenvolvemento de proxectos colaborativos encamiñados e un modelo máis sostible e eficiente. De feito, a previsión é contar cun inventario de actores involucrados na xestión de residuos e circularidade no eido local e que se creen grupos de traballo de distintas disciplinas para avanzar nese modelo de economía circular na xestión de residuos municipais e culminar coa creación da Rede Galega de Economía Circular.
Outras das funcións desta oficina de asesoramento, segundo destacou a conselleira, serán a identificación de casos de boas prácticas e de éxito neste eido ou a organización de seminarios, xornadas formativas, obradoiros e foros nos que expertos na materia avalíen posibles melloras a implantar no sector dos residuos municipais. Neles abordaranse cuestións como a prevención na xeración de refugallos, a compostaxe in situ, a planificación da xestión, a recollida separada, a valorización de residuos ou a loita contra o lixo disperso, entre outras moitas temáticas.
Ademais deses encontros, elaboraranse contidos técnicos e de educación ambiental para editar guías, manuais ou códigos de boas prácticas en materia de economía circular e sostibilidade. A estas tarefas engádese ademais o desenvolvemento de accións específicas destinadas a sensibilizar ao conxunto da sociedade galega sobre as prácticas responsables realizando campañas de formación, difusión e comunicación co fin último de que Galicia consolide un modelo de economía circular.
Estratexia clara
A creación desta oficina forma parte da aposta da Xunta por acadar a excelencia ambiental mediante a coordinación coas entidades locais e co sector privado para avanzar nun modelo económico e social que aposta pola circularidade, en liña coa Estratexia Galega de Economía Circular 2030 e coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, elaboradas cos principios que emanan do Pacto Verde Europeo.
Neste sentido, en Galicia o cumprimento da normativa en materia de xestión de residuos é fundamental para avanzar no eido da sostibilidade, motivo polo que o Executivo galego desenvolveu o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030 e o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2030, dous documentos clave nesta materia e para a economía da comunidade.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático