Campañas
Reconecta co medio ambiente nas túas vacacións de verán

Como cada verán, e coincidindo coas vacacións estivais de moitas familias, Sogama e a Consellería de Medio Ambiente lembran aos cidadáns responsables a necesidade de non relaxar nin abandonar os bos hábitos na protección do medio ambiente e, aos menos concienciados, de que estas datas de maior tranquilidade poden ser un bo momento para o cambio e o compromiso cunha contorna máis limpa e saudable.
Sinxelos xestos con grandes recompensas:
- Reduce a produción de refugallos. Esta é unha premisa básica para a correcta xestión dos mesmos. Leva sempre a túa propia bolsa reutilizable, a túa botella de auga reenchible, evita o consumo de produtos de usar e tirar, e prescinde dos envases e envoltorios innecesarios.
- Combate o desperdicio alimentario. Calcula o menú en función do número de comensais e compra alimentos feos (teñen as mesmas propiedades nutritivas que os guapos). Se vas a un restaurante ou ao chiringuito de praia, pide unicamente o que vaias comer. De haber sobras, aprovéitaas.
- Nada ao chan. Se non tes unha papeleira preto ou o contedor axeitado, garda o residuo ata que atopes o lugar correcto no que depositalo para a súa correcta xestión.
- Cada residuo ao seu contedor. Só separando os refugallos en orixe por tipoloxías e introducíndoos no contedor ao que corresponden, poderás propiciar a reciclaxe e os seus beneficios (aforro no consumo de enerxía e de materias primas virxes).
- Esteas onde esteas, prioriza o consumo de produtos locais e de tempada. Contribuirás a minorar as emisións de CO2 derivadas do transporte e favorecerás a economía local.
- Elixe aloxamentos con certificación ambiental e segue as súas recomendacións.
- Fai un uso eficiente da auga. Duchas curtas e pecha a billa mentres cepillas os dentes ou enxaboas as mans.
- Aforra enerxía. Aproveita a luz natural, que no verán dura moito tempo, e desenchufa os aparellos eléctricos cando non os esteas utilizando. Cautela co aire acondicionado.
- Desprázate de forma sostible, camiñando, en bicicleta ou en transporte público. De ter que viaxar en coche particular, opta por compartilo.
- Desconecta para reconectar. Tenta prescindir das pantallas. Goza da praia, o campo, a montaña, os ríos, as cidades, os pobos, as aldeas, pero coida todo o que te rodea.