A correcta xestión dos residuos converteuse hoxe nun dos principais retos ambientais a nivel global. O constante aumento do consumo de bens e servizos, sumado ao uso intensivo de envases dun só uso e á cultura de usar e tirar, acaba xerando toneladas de lixo cada día, co conseguinte impacto negativo na saúde, nos ecosistemas e na economía.
Fronte a esta realidade, xorde a imperiosa necesidade de adoptar hábitos cotiáns máis sostibles, tanto no fogar coma nos centros escolares, o traballo, o tempo de lecer e demais espazos de convivencia. Reducir a produción de residuos implica, sobre todo, repensar a forma en que consumimos, utilizamos e refugamos os materiais. E neste marco, e co obxectivo de impulsar un consumo responsable e de máximo aproveitamento dos recursos, Sogama activa, durante a Semana Europea da Prevención de Residuos 2025, que se estenderá ata o 30 de novembro, a súa aula itinerante, que percorrerá, coa campaña “Reinicia os teus hábitos: Reduce, Reutiliza e Recicla!”, os campus universitarios de Santiago de Compostela (Sur), Ferrol e Pontevedra.
- 24/11/25: Campus Santiago (Sur), exterior da Biblioteca Concepción Arenal. De 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 h
- 25/11/25: Campus Pontevedra, diante da Escola de Forestais. De 11:00 a 18:00 h
- 26/11/25: Campus Lugo, exterior de Intercentros. De 12:00 a 14:00 e de 16:00 a a 18:30 h
O obxectivo é que técnicos especializados proporcionen aos estudantes, de forma directa e en primeira persoa, as claves para que aprendan a reducir a xeración de refugallos mediante un consumo responsable, a reutilizar os produtos e a clasificalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, garantindo así o seu posterior reciclado.
Neste sentido, prestarase atención á problemática derivada do depósito dun residuo no contedor equivocado, xa que acaba contaminando o resto de materiais, coa particularidade de que separar os impropios nas plantas de tratamento retarda e encarece o proceso, co risco engadido de desperdiciar recursos valiosos contidos nos residuos.
A campaña de Sogama tamén inclúe un novo Jingle corporativo https://www.youtube.com/watch?v=KU-mnIu_tEY, a través do cal, e a ritmo de música pop, anima aos cidadáns para poñer en práctica, cada día, os tres erres da sostibilidade.
A aula estará equipada con paneis informativos, xogos e diversos recursos didácticos e audiovisuais.
Sinxelos e eficaces xestos para producir menos residuos:
- Transforma a roupa vella en trapos multiusos.
- Leva a túa propia bolsa ou carro á compra.
- Opta por adquirir produtos a granel e co menor envase e envoltorio posible.
- Planifica os menús, axusta as racións ao número de comensais e aproveita as sobras para novas comidas.
- Diferenza entre data de caducidade e data de consumo preferente. A primeira indica o momento a partir do cal un produto pode ser prexudicial para a saúde; a segunda o momento a partir do cal o produto pode perder cualidades (sabor, textura, presenza), pero sen representar un risco para a saúde.
- Prioriza o uso de botellas, cuncas e vasos reutilizables, e evita a súa versión en plástico.
- Prescinde dos panos de mesa e panos de papel, e opta polos de tea.
- A adquisición de aparellos eléctricos e electrónicos reacondicionados, pode representar unha magnífica oportunidade para coidar o medio ambiente e aforrar diñeiro.
- A autocompostaxe, no caso de vivendas con terreo, permite poñer en valor os residuos orgánicos mediante a súa transformación nun abono natural que regresa á terra para dar unha nova vida, constituíndo un dos mellores exemplos de economía circular.
- Incorpora a reciclaxe á túa vida. Segrega correctamente os residuos por tipos de material e deposita cada fracción no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para a materia orgánica; iglú verde, para os envases de vidro; xenérico, para a fracción resto ou non reciclable.